Hugo Ogando, fisioterapeuta: “A nivel tendinoso, que o teu primeiro tríatlon sexa un medio é unha barbaridade”

15 de Xaneiro de 2014

A Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno colabora no estudo realizado por catro fisioterapeutas galegos sobre lesións nos triatletas federados coa FEGATRI.

Para profundar na saúde dos nosos deportistas, o pontevedrés Hugo Ogando reflexiona sobre as conclusións do seu traballo.

  • Do estudo dedúcese que o sobre-adestramento é orixe de lesións para os triatletas galegos, especialmente no pé, nocello ou xeonllo. Sería a carreira a pé o segmento que produce unha maior incidencia nesas lesións?
  • Si pero matizado. Hai un 55% de lesionados ao longo da tempada, unha media similar á de Alemaña, por exemplo, pero é moi superior á de deportistas de ultra-maratón, qué é do 30%. Polo tanto, as lesións non se deben só a carreira a pé, veñen marcadas pola sobrecarga previa dos outros dous deportes.
  • Tendo en conta o perfil dos nosos triatletas, como se poden combinar oito horas de traballo ou estudo cun adestramento de calidade?
  • A enquisa di que o 15-20% dos triatletas adestran máis de 20 horas semanais. Isto é unha burrada para deportistas amateurs, é un problema porque facer tres horas ao día despois do traballo quere dicir que sempre adestramos en fatiga.
  • Débense preparar diariamente as tres disciplinas?
  • Non é tanto facer as tres senón como se fan. Con menos adestramento, repartindo as sesións semanais, non se sobrecargarían os días.
  • É recomendable non adestrar algún día?
  • É obrigatorio. Xa por un tema psicolóxico aínda que os populares non están no caso de Javi Gómez Noya e xa fan deporte por evadirse. De tódolos xeitos, non descansar é evidente que produce lesións.
  • Continuando co descanso, hai diferenzas entre os triatletas de curta e de longa distancia?
  • Pareceume curioso que adestren as mesmas horas os de curta e os de media ou longa. Realmente é que non adestran máis porque o día non ten máis horas. Facendo o mesmo tempo, hai diferenzas en que os de curta estiran e os de media dedícanse a rodar.

    Percepción dos triatletas dos motivos das súas lesións

    Percepción dos triatletas dos motivos das súas lesións

  • Nun ano coma 2014 no que Galicia acollerá até un Ironman, que consello sería imprescindible para os triatletas que opten pola longa ou media distancia?
  • Concienciaría aos deportistas que o tríatlon non é só nadar, pedalear e correr, hai que facer exercicios preventivos para evitar lesións, adaptar as cargas. Por exemplo, Jonathan Cancela (responsable do grupo de tecnificación no Centro Galego de Tecnificación Deportiva –CGTD-) vai cos rapaces á praia e fai traballo de nocellos. Omar González (adestrador do grupo de alto rendemento do CGTD) lévaos a correr ao monte. É importante soltar e quecer. Recomendaría que se busquen un adestrador. Coñezo moita xente que a súa primeira carreira é un maratón ou o seu primeiro tríatlon é un media distancia. Iso a nivel tendinoso é unha barbaridade, hai que adaptarse porque os tendóns envellecen de por si e unha persoa de 40 anos non pode sometelos de súpeto a un estrés maior do que cando era rapaz. O que chama a atención no tríatlon é que o 40% das persoas que participaron na enquisa levan menos de dous anos neste deporte e o 35%, entre dous e cinco anos, algo que deixa claro o boom do tríatlon nos últimos tempos.
  • Para eses triatletas novos, deberían facer un recoñecemento médico?
  • En calquera deporte, si, por suposto. Debería facerse un electro, unha proba de esforzo,…
  • E centrándonos na alimentación, como debería ser a dieta dun triatleta?
  • Para o estudo usamos o cuestionario KIDMED ou de adhesión á dieta mediterránea. En base a iso, máis dun 40% dos triatletas galegos necesitaba mellorar a súa dieta. O recomendable sería beber máis de dous litros ao día, comer de tres a cinco racións de froitas e verduras, catro ou cinco veces á semana pescado, unha vez carne vermella, catro veces carnes brancas, etc. Sorprende que o 10% dos enquisados afirmen ir unha vez á semana a centros de comida rápida. En canto á hidratación, os de longa distancia teñen unha maior conciencia da súa importancia.
  • Nese apartado concreto, no estudo constátase tamén unha mala hidratación dos triatletas, que pautas debemos seguir durante os adestramentos?
  • Dise que un exercicio moderado-intenso, aínda que cada persoa debería facer os seus propios tests de hidratación, débense beber 200 mililitros de auga cada 15 minutos.
  • Que uso se fai de bebidas e produtos enerxéticos?
  • Penso que se fai un uso excesivo. Aínda que non hai datos, paréceme que se toman case coma auga e non se pode substituír.
  • Unha vez que temos unhas pautas de adestramento axeitadas, que rutina se debería seguir antes e despois de facer un tríatlon sprint?
  • O día previo, boa hidratación, cear ben e descanso, que é significativo na súa relación coas lesións. O día da proba débese almorzar ou comer ben, deixar tempo para a dixestión, quecer as tres probas ou facer un quecemento xeral e rematar cunha rodaxe suave e estiramentos. Despois da competición, é moi importante hidratarse os 20-40 minutos inmediatamente despois e inxerir algo. Xa se falásemos dun tríatlon de distancia standard ou olímpica, os dous ou tres días posteriores hai que volver recargar o corpo de hidratos de carbono.

 

 

 

Quizáis che interese…

Dúatlon de Reis 2022

Dúatlon de Reis 2022

👟 DÚATLON DE REIS (Clasificacións oficiais xa dispoñibles) A duatleta do Tríatlon Ferrol María del...