INÉS SANTIAGO E GUSTAVO RODRÍGUEZ, CAMPIÓNS DO DUATLÓN CONCELLO DE LUGO

22 de Marzo de 2015

Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) e Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse hoxe vencedores do  XXV Duatlón Concello de Lugo “Memorial Alejandro López”, que tivo unha participación de case douscentos deportistas. Esta foi a terceira proba do Circuíto Galego de Duatlón de Estrada 2015.

A proba feminina foi liderada dende o comezo por Inés Santiago. Foi a mellor no primeiro segmento, logrando unha distancia de dous minutos sobre a segunda clasificada. Así, todo foi moito máis sinxelo para a júnior do Tríatlon Ferrol, que non baixou o ritmo en toda a proba. Logrou o segundo mellor tempo na bicicleta e volveu ser a máis rápida no terceiro sector. Desta forma, primeira posición para Inés Santiago cun tempo de 1:09:22, mentres que o segundo posto foi para Verónica Tovar (Cidade de Lugo) a case cinco minutos (1:14:04) e o bronce foi para Mar Villar (Trinorth-Nogasa) cun tempo de 1:14:33.

Na categoría masculina, triunfo para Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo), que se está amosando moi forte neste inicio de tempada con dous triunfos nas dúas probas disputadas. Hoxe volveu ser o máis regular. No primeiro segmento logrou o terceiro mellor tempo e,  unha vez máis, destacou na bicicleta onde foi o máis rápido. Así, enfrontou o terceiro sector con moita comodidade e so tivo que ir regulando a distancia para entrar en meta en primeira posición (57:58) con case un minuto de vantaxe sobre o segundo, Daniel Bayón (Academia Civil), cun tempo de 58:57. A terceira posición foi para Brais Canosa, do Arcade Inforhouse(59:39), que tamén fixo unha proba bastante regular.

O gañadores doutras categorías foron:

  • Cadete: Salomé Calviño (A.D. Fogar) e Alejandro Pardo (A.D. Fogar).
  • Júnior: Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) e Raúl García (Arcade Inforhouse).
  • Sub 23: Balbina Tarrío (A.D. Fogar) e Ismael Fernández (Mar de Vigo).
  • Paraduatlón PT5: Susana Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) e Antonio López (Cidade de Lugo Fluvial).
  • Veterán 1: Ana María López (Tri Ourense) e Jorge López (Tri-Penta Terras de Lugo).
  • Veterán 2: Ricardo García (Tríatlon Bierzo).
  • Clubs: Cidade de Lugo Fluvial (feminino) e Olímpico de Vedra (masculino).

 

O Duatlón Cidade de Lugo, que se celebrou sobre a distancia sprint (5 quilómetros a pe, 20 quilómetros en bicicleta e 2,5 de carreira a pe), desenvolveuse nos arredores do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, tendo como punto de saída e de chegada o propio recinto. O Duatlón Cidade de Lugo recibe o nome de “Memorial Alejandro López” en homenaxe ao ex directivo da Federación Galega de Tríatlon, que finou hai uns anos.

O Circuíto Galego de Duatlón de Estrada 2015 está formado por tres  probas. A primeira é a de Noia; a segunda,  Guitiriz (7 de marzo) e a terceira é o Duatlón Concello de Lugo (22 de marzo). Todas son clasificatorias para o Campionato Galego (logran praza os 30 primeiros clasificados), que terá lugar en Santiago de Compostela o 18 de abril. Os gañadores do Duatlón de Noia foron Abraham Castellanos (Tríatlon Arteixo) e Verónica Montes (Trinity Tríatlon), mentres que Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) e Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse vencedores do IX Duatlón Concello de Guitiriz.

CLASIFICA DUA LUGO 20015

 

Quizáis che interese…

Política de cookies

Este sitio web usa cookies para que lle poidamos ofrecer a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no seu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volve ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web lle resultan máis interesantes e útiles.