Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) e Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse hoxe campìóns galegos de dúatlon 2016 no XXVI Dúatlon Concello de Lugo “Memorial Alejandro López”. Na categoría masculina o vencedor do “Memorial Alejandro López” foi Luis Miguel Velásquez, que non pode optar ao título galego, xa que non cumpre a normativa con respecto ao tempo de empadroamento en Galicia, a pesar de contar con licenza galega.
A disputa do Dúatlon Concello de Lugo “Memorial Alejandro López” estivo marcado polas pésimas condicións meteorolóxicas, con rachas moi fortes de chuvia e de vento. A proba, que se celebrou sobre a distancia sprint (5 quilómetros a pe, 20 quilómetros en bicicleta e 2,5 de carreira a pe), desenvolveuse nos arredores do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, tendo como punto de saída e de chegada o propio recinto.
Na proba feminina tremenda exhibición da cadete Iria Rodríguez, que non deixa de sorprender en cada actuación. A xovencísima deportista impúxose a triatletas tan importantes coma Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo), que defendía o título, ou María Ortega (Tri-Penta Terras de Lugo). Iria domiñou a proba dende o primeiro segmento. Foi a mellor nos tres sectores e chegou á meta cun tempo final de 01:07:19.
A segunda posición foi para María Ortega (que non conta para a clasificación do Galego, por non cumprir a normativa) cun tempo de 01:08:58, mentres que terceira foi Joselyn Brea, que defendía o título acadado o pasado ano. Desta forma, o podio do Galego está formado por Iria Rodríguez (ouro), Joselyn Brea (prata) e Inés Castaño, do Arcade Inforhouse, que foi bronce.
Na categoría masculina, proclamouse vencedor da proba o venezolano Luis Miguel Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo), que foi xunto a Gustavo Rodríguez en todo momento. Así, o triunfo decidiuse no terceiro e definitivo segmento, no que Velásquez foi máis rápido que Gustavo. A primeira posición foi para Luismi Velásquez (57:15), con Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) no segundo lugar (57:40) e terceiro foi Joao Francisco Cristovao (Cidade de Lugo Fluvial) cun tempo de 58:53.
O podio galego quedou formado por Gustavo Rodríguez (ouro), Manuel Dosil (Olímpico de Vedra) foi prata e Alejandro Álvarez (Cidade de Lugo Fluvial), bronce.
Os resultados noutras categorías foron:
- Cadete: Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) e Jorge González (Natación Riveira).
- Júnior: Carla Castaño (Arcade Inforhouse) e Raul García (Arcade Inforhouse).
- Sub 23: Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Luis Miguel Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo).
- Veterán 1: Aída García (Olímpico de Vedra) e José Manuel Pardo Leis (Tríatlon Arteixo).
- Veterán 2: Laura López (Tri-Ourense) e Andrés López (Tríatlon Vilagarcía).
- Clubs: Tri-Penta Terras de Lugo (feminino e masculino).