MARÍA ORTEGA E MELINA ALONSO LOGRAN PUNTOS PARA O RANKING MUNDIAL NA PROBA DE CIDADE DO CABO

26 de Abril de 2014

María Ortega e Melina Alonso lograron o obxectivo co que viaxaban a Cidade do Cabo (Sudáfrica) para participar na segunda proba das Series Mundiais 2014. Ambas lograron situarse entre as cincuenta primeiras (e a menos do 8% do tempo da primeira) e así lograr puntos para o ranking mundial e seguir na carreira para a clasificación cara aos Xogos Olímpicos. Ademais, hai que destacar a quinta posición de Ainhoa Murúa, que foi a primeira española e loitou polo podio durante toda a carreira.

A proba comezou con sorpresa, xa que tivo que retrasarse pola baixa temperatura da auga, o cal obrigou a reducir a distancia (que pasou de 1.500 metros a 750). Na natación, María Ortega rendeu a un nivel altísimo, ao saír da auga na undécima posición, a só 19 segundos da primeira, que foi a española Carolina Routier. Pola súa banda, Melina Alonso, que era a máis nova de todas as participantes, foi a 31ª.

Na bicicleta, María Ortega quedou fóra do primeiro grupo por escasos segundos e iso foi decisivo, xa que o grupo dianteiro estivo moi ben organizado e foi aumentando as distancias volta a volta. No segundo grupo estaban Melina e María, que fixeron un bo traballo nos 40 quilómetros do segmento de bicicleta.

Onde estiveron máis frouxas as dúas galegas foi na carreira a pe, xa que elas teñen unha marca moito mellor. Desta forma, ao final, María Ortega (na súa primeira participación nunha proba das Series Mundiais) chegou a meta na posición 42 (1:53:25), mentres que Melina Alonso foi 44 (1:54:25). Ainhoa Murua, excepcional durante toda a proba, logrou a quinta posición, mentres que logrou o triunfo Jodie Stimpson (1:46:11), que xa se proclamara vencedora na proba de Auckland.

Mañá, proba masculina. A proba masculina terá lugar o domingo 27 (15:06) e cunha importantísima participación, na que destaca unha vez máis o duelo entre Gómez Noya e Jonathan Brownlee. Na primeira proba das Series Mundiais 2014, logrou impoñerse o galego, que quere seguir marcando distancias na clasificación provisional para así poder participar no Mundial de Duatlón que se celebrará en Pontevedra (31 de maio e 1 de xuño). Ademais, entre os favoritos figuran Mario Mola ou o local Richard Murray, polo que se presenta unha proba apaixonante.

Pero dende Galicia tamén estaremos pendentes do que fagan Uxío Abuín e Ricardo Hernández (con ficha galega dende que adestra no Grupo de Alto Rendemento do CGTD). Ambos acoden con moita ilusión a esta cita, a pesares de que saben que será un complicado compromiso dado o altísimo nivel dos competidores. O principal problema é para Ricardo, que aínda non se atopa ao cen por cento, despois dunha lesión. O obxectivo para ambos é sumar puntos para o ranking ITU.

 

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...