O 7 DE SETEMBRO CELEBRARASE EN LUGO O CAMPIONATO GALEGO DE TRÍATLON 2014

4 de Setembro de 2014

O domingo 7 de setembro disputarase en Lugo o XXVI Tríatlon do Miño, que este ano é ademais o Campionato Galego de Tríatlon 2014. Ao longo de toda a mañá celebrarase un Nada e Corre para os máis pequenos (10:00 horas), unha proba popular (10:05) e os Galegos masculino e feminino: En total, 250 deportistas facendo tríatlon.

O Campionato Galego disputarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe), con saída, boxes e meta na área creativa Los Robles. Para poder participar nesta proba os participantes tiveron que lograr a clasificación nas diferentes probas que conforman o circuíto galego de tríatlon de estrada, polo que poderemos gozar cunha proba de moi alto nivel competitivo.

Así, na proba feminina (11:00 horas) haberá unha importante participación. Aída Valiño (Cidade de Lugo Fluvial) non poderá defender o título do pasado ano, xa que aínda se está a recuperar do atropelo que sufriu a finais de xuño.  As favoritas a loitar polo título serán  ás irmás Alonso (Camila e Melina), do Tríatlon Ferrol, aínda que terán que enfrontarse a deportistas coma Silvia Deira (Arcade Inforhouse), Marta Barbeito (A.D. Fogar) ou Silveira Veira (Arcade), entre outras triatletas  destacadas.

Na categoría masculina (12:30 horas) non está inscrito o actual campión galego, Pablo Dapena, polo que haberá relevo seguro no título. Contaremos coa presenza de destacados triatletas coma Gustavo Rodríguez (Cidade de Lugo), Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), Brais Canosa (Arcade Inforhouse), Diego Paz (Arcade Inforhouse) ou Nan Oliveras (Tri-Penta Terras de Lugo).

Resultados 2013. Aída Valiño (Cidade de Lugo) e Pablo Dapena (Cidade de Lugo) proclamáronse o pasado ano campións galegos de tríatlon en Pontevedra nunha tarde moi desapracible pola chuvia e o vento.

 

Quizáis che interese…