O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON DISTANCIA OLÍMPICA CELEBRARASE ESTA FIN DE SEMANA EN ÁGUILAS

11 de Setembro de 2014

Águilas (Murcia) acollerá esta fin de semana  o Campionato de España de Tríatlon na distancia olímpica (tamén chamada curta ou standard) con algunhas importantes ausencias, coma o campión do mundo Javier Gómez Noya e o subcampión Mario Mola. O sábado celebraranse as probas elite e paratríatlon, mentres que o domingo competirán os grupos de idade.

A proba de elite feminina celebrarase o sábado 13  de setembro ás 16:00 horas e na mesma estarán importantes triatletas galegas, coma Melina Alonso (Tríatlon Ferrol), que acaba de proclamarse campioa galega de Tríatlon na distancia sprint, María Ortega ou  Camila Alonso (que arrastra algunhas molestias).

A proba masculina (18:15 horas) terá importantes ausencias, coma o campión do mundo Javi Gómez Noya, o subcampión Mario Mola ou Fernando Alarza, pero aínda así haberá bos triatletas aspirando a este título e moitos deles son galegos. Jesús Gomar defende o título acadado no ano 2013 e entre os seus rivais, moitos galegos: Pablo Dapena (Cidade de Lugo) ou Brais Canosa, Antón Ruanova –prata 2013- e Diego Paz (do Arcade Inforhouse), Nan Olivera, Ricardo Hernández e Uxío Abuín (Tri-Penta Terras de Lugo) loitarán pola vitoria. As distancias neste campionato son de 1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe.

Tamén terá lugar o sábado 13 de setembro o campionato de España de paratríatlon, coa participación da viguesa Susana Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) e de Diego Calvete (Tri-Penta Terras de Lugo). As distancias nesta proba son máis curtas (750-20-5).

Resultados 2013. No ano 2013, magníficos resultados para Galicia. Jesús Gomar (Cidade de Lugo) logrou o título de campión de España de Tríatlon na distancia olímpica en Los Alcázares (Murcia), mentres que o tamén galego Antón Ruanova (Arcade Inforhouse) foi prata. Na categoría feminina, Marta Jiménez (Cidade de Lugo) logrou a medalla de bronce.

Quizáis che interese…