O II Vertiatlón Solidario reunirá a máis de 200 deportistas este sábado 8 de outubro en Baiona

7 de Outubro de 2016

Máis de 200 deportistas participarán o sábado 8 de outubro na segunda edición do Vertiatlón Solidario, unha competición organizada polo Monte Real Club de Yates e o concello de Baiona co patrocinio de Verti Seguros para recadar fondos para a Escola de Vela Adaptada do Monte Real, que presta servizo a asociacións de persoas con discapacidade de toda Galicia.

As probas, coordinadas pola Federación Galega de Tríatlon, darán comezo ás catro da tarde cun percorrido a nado entre as praias de Barbeira e A Ribeira, no núcleo urbano de Baiona. Tras completar eses 750 metros de natación, os deportistas deberán coller as súas bicicletas na zona da Palma para pedalear 20 quilómetros e completar varias voltas entre as rotondas de Baredo e Santa Marta. A última proba da xornada serán 5 quilómetros de carreira polos carreiros da península de Monte Boi, na que se sitúa o Parador Nacional.

Nesta segunda edición do Vertiatlón Solidario participarán máis de 200 deportistas chegados de diferentes puntos de Galicia e de España. Entre eles destaca a presenza do subcampión de España de tríatlon e membro da selección española de paratriatlón, José Luis García Serrano, máis coñecido como Jota. Invidente desde os 29 anos, o atleta madrileño completará as distintas probas do Vertiatlón xunto ao seu guía.

E aínda que non participará nos percorridos, este ano tamén estará presente en Baiona a olímpica Susana Rodríguez Gacio, que volve a amadrinar o Vertiatlón. Será a encargada de dar a saída da competición e entregar os premios aos gañadores.

Na entrega de galardóns, que se celebrará ao sete menos cuarto da tarde nas instalacións do Monte Real Club de Iates, responsables de Verti Seguros faranlle entrega ao club baionés do cheque coa cantidade recadada coas inscricións dos máis de 200 participantes. Un diñeiro que o club destinará, integramente, á súa Escola de Vela Adaptada, na que ao longo de todo o ano navegan persoas con discapacidade de toda Galicia.

Na primeira edición do Vertiatlón, na que resultaron gañadores Brais Misa do Club Atletismo Porriño e Mar Villar do Trinorth Nogasa, conseguíronse recadar 5.750 euros.

Presentación oficial esta mañá en Baiona

O II Vertiatlón Solidario de Baiona foi presentado oficialmente esta mañá en Baiona, nunha rolda de prensa na que o vicepresidente do Monte Real Club de Iates, Alejandro Retolaza, agradeceu o patrocinio de Verti Seguros e a colaboración de numerosas firmas e empresas que puxeron o seu granito de area para que sexan cada vez máis as persoas con discapacidade que poidan achegarse ao mar e navegar en igualdade de condicións. Dedicou tamén unhas palabras o vicepresidente do club baionés aos máis de 150 voluntarios que o sábado axudarán nas distintas etapas do Vertiatlón.

Na presentación tamén intervnio o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, quen destacou o aspecto solidario dunha competición á que augurou un gran éxito de fronte ao futuro. “De todos os eventos deportivos que se celebran na vila, este é – dixo o rexedor – , un dos máis especiais pola solidariedade que implica entre deportes”.

Nesa solidariedade tamén incidiu o secretario xeral para ou Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, unha característica á que sumou as de inclusión e igualdade. É por iso “asegurou- que estou hoxe aquí, “porque desde a Xunta de Galicia apostamos polo deporte de todos e para todos”.

Na rolda de prensa tamén estiveron presentes a deputada de deportes da Deputación de Pontevedra, Consuelo Besada; o alcalde de Nigrán, Juan González; e o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Óscar José Surís.

 

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...