TRES GALEGOS PARTICIPARÁN ESTA FIN DE SEMANA NO CLASIFICATORIO DE WEERT PARA OS XOGOS OLÍMPICOS DA XUVENTUDE

15 de Maio de 2014

Tres galegos (Inés Santiago, Carmen Gómez e Andrés Cendán) participarán en Weert (Holanda) esta fin semana no clasificatorio europeo de tríatlon, que outorgará prazas para os próximos Xogos Olímpicos da Xuventude de Nangjing. A Federación Española de Tríatlon desprazou a esta cita a seis deportistas, dos cales tres son galegos (o cincuenta por cento).

Dos seis triatletas españois tan só poderá clasificarse como máximo un triatleta por categoría; xa que Europa dispón unicamente de once prazas para a cita de Nanjing, cuxas competicións de tríatlon terán lugar entre o 17 e 21 de agosto nas inmediacións do lago Xuanwu da cidade do sueste chinés.

A competición desenvolverase sobre distancia sprint, cun primeiro segmento de 750 m de natación, seguido de tres voltas (17,7 quilómetros en total) ciclistas que incluirá un pequeno outeiro. Por último, percorrerán 5 quilómetros de carreira a pé por un circuíto polo centro da cidade. O inicio da competición feminina está prevista para as 13:00 horas do próximo sábado 17 de maio. En tanto que a categoría masculina arrancará a partir das 14:30 h. Para completar a fin de semana, durante a xornada seguinte celebrarase unha competición de relevos mixtos, que comezará ás 13:45 h.

Quizáis che interese…

Montreal

Montreal

Montreal acolle unha nova cita das Series Mundiais e o Campionato do Mundo Junior de Tríatlon....