Este sábado 19 de marzo celebraranse a probas clasificatorias de Vedra e Vilalba do programa “Xogade” de Dúatlon Escolar 2015, coa participación total de máis de 300 deportistas.
A proba con maior participación será a de Vedra con 230 deportistas (a partir das 16:30 horas), que se ía celebrar no mes de febreiro pero foi suspendida polo temporal. O dúatlon escolar celebrarase na Carballeira do Souto. Haberá 70 nenos e nenas benxamíns, 60 deportistas na categoría alevín, 31 cadetes e 67 infantís.
E tamén terá lugar a proba clasificatoria de Vilalba (a partir das 16:00 horas no contorno do Polígono Industrial de Vilalba) con máis de 80 deportistas inscritos (29 benxamíns, 25 alevíns, 14 infantís e 15 cadetes).
As distancias son diferentes segundo a categoría. Desta forma, en benxamín as e os deportistas correrán 500 metros, farán 2 quilómetros en bicicleta e correrán 250 metros; en alevín as distancias son de 1 quilómetro (carreira), 4 quilómetros de bici e 500 metros de carreira a pe; en infantil, 1,5 quilómetros de carreira, 6 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira e, por último, en cadete son 2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta 1 quilómetro de carreira.
O programa do Dúatlon Escolar está formado por cinco probas locais (Vedra, Santiago, Vilalba, Mondoñedo e Maside) que son clasificatorias para as provinciais, de onde sairán os participantes na final galega. Nas probas zonais clasifican os 25 mellores por categoría e sexo. “Xogade” está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon.