OS JÚNIOR INÉS CASTAÑO E IVÁN PUENTES, GAÑADORES DO VII TRÍATLON CONCELLO DE ARTEIXO

30 de Xullo de 2017

Inés Castaño (Arcade Inforhouse) e Iván Puentes (Tríatlon Ferrol) proclamáronse hoxe gañadores do VII Tríatlon Concello de Arteixo, terceira proba do  Circuíto Galego de Tríatlon de Estrada e clasificatoria para o Campionato Galego 2017. Ambos son moi novos, categoría júnior, o cal amosa o forte que empurran os novos valores do tríatlon galego.

PODIO10Na proba feminina non se presentou finalmente Carmen Gómez, unha das favoritas para facerse co triunfo xunto a Inés Castaño, que si acudiu á cita. Na natación (750 metros) non houbo sorpresas ao saír da auga na primeira posición a nadadora olímpica Bea Gómez, que participou neste tríatlon tal e como xa fixera o pasado ano. Castaño, que chegaba despois de proclamarse campioa de España de Tríatlon na categoría júnior, rematou o primeiro sector na oitava posición, pero moi pronto comezou a remontar. No segmento de bicicleta (20 quilómetros) xa logrou o mellor parcial e na carreira a pe confirmou o triunfo, ao volver a acadar o mellor parcial de todas as participantes. Desta forma, o triunfo foi para Inés Castaño cun tempo de 1:14:50, con Beatriz Dumêt (Tríatlon Arteixo) na segunda posición (1:16:18), mentres que terceira foi Ana María Santiso (Náutico de Narón) cun tempo de 1:16:37.

Na categoría masculina Iván Puentes logrou o triunfo, nunha proba na que foi de menos a máis para subirse ao máis alto do podio. O Tríatlon de Arteixo foi unha proba moi disputada, con cambios en cabeza e que se decidiu no último segmento da carreira a pe. Á segunda transición chegaron xuntos cinco triatletas (Iván Puentes, Federico Scarabino, Jacobo Crego, Francisco Cendán e José Manuel Pardo) que se xogaron o triunfo nos cinco quilómetros da carreira a pe. E aquí o mellor dos cinco foi Iván Puentes para facerse coa primeira posición (01:03:01). Federico Scarabino (Tríatlon Arteixo) ocupou o segundo lugar (01:03:21) e terceiro foi Jacobo Crego (Olímpico de Vedra) cun tempo de 01:03:30.

Os vencedores doutras categorías foron:

  • Cadete: Irene Mera (Náutico de Narón) e Arturo Ramos (Talleres David Tríatlon Compostela).
  • Júnior: Inés Castaño (Arcade Inforhouse) e Iván Puentes (Tríatlon Ferrol).
  • Sub 23: Beatriz Dumêt (Tríatlon Arteixo) e Federico Scarabino (Tríatlon Arteixo).
  • Veterán 1: Paloma Herbello (Arcade Inforhouse) e José Manuel Pardo Leis (Tríatlon Arteixo).
  • Veterán 2: Jaime Carrodeguas (Tríatlon Coruña).
  • Clubs: Tríatlon Arteixo (feminino e masculino).

triarteixo 2017

 

 

Quizáis che interese…