OURO PARA SUSANA RODRÍGUEZ NO EUROPEO DE DÚATLON, MENTRES QUE INÉS CASTAÑO FOI NOVENA NA PROBA JÚNIOR

29 de Abril de 2017

Susana Rodríguez (Mar de Vigo) proclamouse campioa de Europa de Dúatlon na categoría PTVI, nun evento que transcorreu este sábado 29 de abril en Soria. Ademais, hai que destacar a participación da moza do Arcade Inforhouse Inés Castaño na proba júnior, na que rematou na novena posición. Unha xornada que estivo marcada polas baixas temperaturas que están a arrasar á Península.

Susana Rodríguez, sen competencia, enfrontaba a proba como unha preparación para as próximas citas internacionais. A paratriatleta olímpica adxudicouse a presea de ouro parando o crono en 1:06:05. Rodríguez Gacio contou nesta cita coa colaboración como guía de Marina González (Tri-Penta Terras de Lugo). Ambas completaron uns percorridos que comezaban con 5 km de carreira a pé, tras o pase pola primeira transición efectuaron 18,75 km sobre o tándem distribuídos ao longo de tres voltas, para terminar con 2.500 m finais de carreira.

Pola súa banda, Inés Castaño concluíu a súa participación no Europeo no noveno lugar da proba júnior feminina cun tempo de 1:08:25. Castaño, que está a ofrecer unha notable evolución esta tempada, confirmada coa recente vitoria no Campionato de España júnior da modalidade disputado na Vall d’Uixó, estreábase en competicións internacionais cunha meritoria actuación. No primeiro segmento de carreira a pe perdeu 30 segundos que foron decisivos, xa que quedou fóra do primeiro grupo de bici, que foi moito máis dinámico. Despois rematou ben no terceiro segmento, pero xa non había opcións.

O trío do podio estivo composto pola suíza Delia Sclabas (01:02:17) ouro, acompañada pola belga Laura Swannet (1:02:33) e a portuguesa Gabriela Ribeiro (1:02:40); prata e bronce respectivamente.

Quizáis che interese…