SUSANA RODRÍGUEZ GACIO CUMPRIRÁ O DOMINGO O SOÑO DE DISPUTAR OS XOGOS

9 de Setembro de 2016

Os soños ás veces cúmprense e este domingo 11 de setembro (11:30 hora de Río, cinco horas máis en Galicia) Susana Rodríguez Gacio cumprirá o seu. Dende pequena soñaba con participar nuns Xogos e a galega acadou a súa clasificación a primeira vez que o tríatlon está incluído no programa paralímpico.

img-20160906-wa0004Así enfronta coa maior das ilusións unha cita moi complicada no aspecto deportivo. En Río estarán as mellores especialistas da súa categoría PT5 (deportistas con discapacidades visuais) e Susana chega con moi pouco tempo de adaptación á súa nova guía, Mabel Gallardo, coa que só leva catro meses traballando: “Dende que en maio decidín comezar a preparar os Xogos con ela fixemos tres concentracións: unha curta en Aguilas, outra de 13 días en Lanzarote e outra de tres semanas en Serra Nevada. Nelas incidimos nos aspectos técnicos que requiren coordinación entre as dúas”, manifestou a triatleta. A favor teñen que a comunicación entre elas é excepcional, segundo explica a propia deportista: “É certo que houbo pouco tempo, pero creo que chegamos moi ben, estamos ben coordinadas. Mabel traballou moito na bicicleta, que é no que máis me pode beneficiar. A pesar de que o cambio de guía foi un pouco precipitado, vai ter a súa parte de beneficio. Penso que deportivamente non vai a supor un problema, pero a nivel motivacional estou con moitísimas máis ganas e ilusión de facelo ben”.

Con respecto á competición a viguesa pensa que “vai ser unha proba moi rápida, polo que vai ser máis difícil remontar o tempo de compensación cos deportistas B1 (cegos total)”. Aínda que iso pode ser prexudicial para Susana, tamén ten claro que “vai ser clave manter a calma, ter a cabeza fría, xa que nos enfrontamos a unha proba na que ningunha deportista participamos antes, un Xogos”. As distancias serán de 750 metros de natación, 22,28 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pe.

En principio parte como gran favorita a actual campioa do mundo Katie Kelly, pero ademais están as británicas Alison Patrick e Melissa Reid ou a holandesa Joleen Hakker (B1). Todas as mellores e entre elas, Susana.

O obxectivo de Susana é claro: “Ser o mellor que eu poida ser, facer a miña mellor carreira de sempre e con iso estarei satisfeita. O que veña a maiores, será benvido, pero o que depende de min é so iso”.

 

 

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...