O Tríatlon Ferrol logrou hoxe en Viveiro o primeiro título de campión galego Galego de Tríatlon por equipos relevos mixtos. Foi a primeira edición desta especialidade que está collendo cada vez máis importancia a nivel internacional, pensando xa na posibilidade de sumar unha proba por equipos nos Xogos Olímpicos. Ademais, hoxe tamén se disputou o Tríatlon Popular de Viveiro cos triunfos de Beatriz Tenreiro (Tríatlon Lugones) e Iago Lorenzo (Tri-Penta Terras de Lugo) na categoría absoluta.
Pola mañá celebrouse o Galego de relevos mixtos, nunha proba que se decidiu no primeiro segmento realizado por Melina Alonso. A deportistas do Ferrol deu a quenda con máis de dous minutos de distancia sobre o segundo clasificado, polo que os seus compañeiros só tiveron que xestionar a distancia. A emoción chegou na última quenda, xa que Marcos Ruiz tivo unha picada na bicicleta o que lle fixo perder bastante tempo e Alberto Castiñeira, do Arcade, logrou remontar moito, pero sen posibilidade de arrebatarlle o triunfo ao Ferrol. Desta forma, o título de campión galego foi para o Tríatlon Ferrol (01:38:41), mentres que segundo foi o Arcade Inforhouse A (01:38:48). A terceira posición foi para o Arcade B (01:42:17), mentres que a cuarta posición (bronce no Galego) foi para o Tri-Penta Terras de Lugo (01:46:14).
Nesta especialidade de equipos de relevos mixtos os conxuntos están formados por catro integrantes (dous homes e dúas mulleres). Cada deportista terá que facer un mini tríatlon (250 metros de natación, 8 quilómetros de ciclismo e 1.500 metros de carreira a pe) e dar a quenda ao seu compañeiro. A primeira en saír é unha muller, que cede o paso a un home a así sucesivamente.
Tríatlon Popular de Viveiro. Pola tarde disputouse o Tríatlon Popular de Viveiro coas vitorias de Beatriz Tenreiro (Tríatlon Lugones) e Iago Lorenzo (Tri-Penta Terras de Lugo) na categoría absoluta. Nesta proba participaron 70 deportistas e as distancias foron de 750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 de carreira a pe.
Na categoría feminina Beatriz Tenreiro amosou unha gran superioridade sobre o súas competidoras cun tempo de 01:08:17, mentres que segunda foi Iria Di-John (Tri-Penta) a máis de sete minutos e terceira Marta Gil (Tríatlon Riazor) cun tempo de 1:16:30.
Na proba masculina houbo un pouco máis de emoción. O triunfo foi para Iago Lorenzo Soto (Tri-Penta Terras de Lugo) cun tempo de 01:00:16. A pouco menos dun minuto chegou Cristóbal Dios (Tri-Penta Terras de Lugo) e terceiro clasificado foi Jacobo Crespo (Olímpico de Vedra) cun tempo de 1:01:36.
Os vencedores noutras categorías foron:
- Cadete: Noelia Serantes (Natación Cedeira) e Antonio Souto (Cidade de Lugo)
- Júnior: Iria Di-John (Tri-Penta Terras de Lugo) e Manuel J. Rodríguez (independente).
- Veterán 1: Virgina Giménez (independente) e Antonio García Sobrado (independente)
- Veterán 2: Luis R. González Vizoso (independente)