TRIUNFOS DO TRÍATLON FERROL E O UNIVERSIDADE DE ALACANTE EN PONTEVEDRA

21 de Maio de 2016

O Tríatlon Ferrol proclamouse campión da primeira edición da Copa da Raíña, celebrada este sábado 21 de maio na cidade de Pontevedra. Pola súa banda, os compoñentes do Universidade de Alacante revalidaban o título da Copa do Rei obtido o ano anterior, nunha intensa e disputada xornada, no marco da segunda proba puntuabel do Gran Premio de España Cofidis de Tríatlon.

Un forte chuvieiro acompañou aos equipos participantes en categoría elite, nunha competición vibrante disputada en formato de contrarreloxo na que o que o  traballo en equipo era fundamental, con equipos de entre 4 e 6 contendentes enfrontándose a un circuíto composto por 750 metros de natación no río Lérez, 19 quilómetros ciclistas polos arredores da Ponte dos Tirantes e 5 quilómetros finais de carreira a pé que discorreron pola ribeira pontevedresa.

A expectación estivo servida ata o final na proba feminina, con varios equipos inmersos na pugna por alzarse co título en xogo. Finalmente, as representantes do Tríatlon Ferrol alcanzaban a vitoria parando o crono en 01:09:13. Un axustado final no que as mozas do Cidade de Lugo Fluvial obtiñan o subcampionato ao acabar en 01:09:17 e as integrantes do Fasttriatlon – C.N. Montjuic adxudicábanse a medalla de bronce cun tempo de 01:09:19.

En elite masculina o triunfo sería para os mozos do Universidade de Alacante, que por segundo ano consecutivo marcaban o mellor rexistro (57:53). A segunda praza sería para os galegos do Cidade de Lugo Fluvial, mentres que o equipo madrileño do C.T. Diablillos de Rivas redondeaba a xornada subindo ao terceiro banzo do podio.

Previamente, no campionato escolar as mozas do Saltoki Trikideak Equipo A demostraron un gran nivel, alzándose co ouro nun tempo de (24:43).  A segunda praza quedaba en mans das triatletas do C.E.A. Bétera Equipo A (26:25), mentres que C. T. Diablillos De Rivas Equipo B (26:35) completaba o podio no terceiro posto.

Pola súa banda, na proba masculina, os mozos do Montilla Córdoba Tríatlon Equipo A conquistaban a medalla de ouro, completando o percorrido de 300 m de nado, 5 km ciclistas e 1,6 km de carreira, en 21:42. A seis segundos concluían a súa participación os segundos clasificados, os tamén andaluces do ADSevilla Bikila do equipo A. Mentres que a terceira posición era para o C.T. Diablillos de Rivas (22:11).

En categoría open feminina os equipos madrileños coparon o podio, coas triatletas do C.T. Diablillos de Rivas equipo B logrando a primeira posición en tan só 01:21:08. A segunda praza recaía nas integrantes, Club Tríatlon Las Rozas equipo B en 01:26:08. En tanto que as representantes do Marlins Tríatlon Madrid equipo B  cun tempo final de 01:33:00.

Na competición masculina o equipo E do C.T. Diablillos de Rivas cultivaba un novo triunfo, terminando en 59:42. Os mozos do Arcade Inforhouse Santiago equipo C facíanse co subcampionato en 01:02:19  e o conxunto madrileño do Tríatlon Clavería Móstoles equipo B, terceiro, completando o percorrido en 01:03:07.

Declaracións

 

CESC GODOY:  “ESTA COMPETICIÓN NON SE GAÑA CON ESTRELAS, GÁÑASE CUN EQUIPO COMPACTO”

O integrante do Universidade de Alacante, Cesc Godoy referiuse ao tempo: “Víramos a previsión meteorolóxica e sabiamos que nos iamos a mollar. Unha vez que a competición empezou xa dá igual, porque  xa estás en esforzo, pero fíxose un pouco duro, sobre todo a bicicleta, xa que había que ir con coidado e a roda do que tes diante salpícache a auga na cara, así que se fai un pouquiño complicado”.

Godoy destacou o feito de que o seu equipo non cometeu erros, algo fundamental cando o tempo non acompaña: “O Universidade de Alacante demostrou  que fixo un bo traballo e puidemos repetir a vitoria do ano pasado, algo que non é  fácil nunha proba como esta, que se decide en poucos segundos e máis coa meteoroloxía de hoxe, na que non podes cometer ningún erro”.

Sobre o seu club  indicou que “o Universidade de Alacante está a facer un esforzo moi grande para traer aos mellores triatletas de España e ter un bo conxunto. Esta competición non se gaña con estrelas, senón cun equipo moi contacto e estámolo conseguindo e demostrouse unha vez máis que este equipo ten un longo percorrido”.

 

SARA GUERREIRO: “CUNHA PICADA, CONSEGUIMOS QUEDAR PRIMEIRAS, NON PODEMOS PEDIR MÁIS”

O Tríatlon Ferrol logrou un triunfo que se fixo moi especial polas condicións nas que o lograron. Así o explicou Sara Guerreiro: “As condicións meteorolóxicas fixeron que a carreira fose moi difícil: facía  frío, chovía, e a auga no río está moi fría nesta época do ano. Pero nós estamos afeitas, somos de aquí e estivemos moitos anos vivindo en Pontevedra.  En todos os aspectos competimos en equipo, tanto en natación como en bicicleta ou carreira a pé, animando ás que iamos máis frouxas. Ademais, sufrimos unha  picada  e estivemos durante toda unha volta empuxando a unha compañeira. E aínda así conseguimos quedar primeiras, non podemos pedir máis”.

Sara acordouse de dúas compañeiras que non puideron estar en Pontevedra: “O premio tamén o queremos compartir con Inés Santiago e Carmen Gómez, que loitaron moito por competir aquí, pero non puideron porque o próximo fin de semana teñen o Europeo en Lisboa e esperemos que queden igual que nós”.

Quizáis che interese…

Montreal

Montreal

Montreal acolle unha nova cita das Series Mundiais e o Campionato do Mundo Junior de Tríatlon....