UXÍO ABUÍN E ZURIÑE RODRÍGUEZ, VENCEDORES INDIVIDUAIS DAS PROBAS DE PROMOCIÓN

10 de Xuño de 2017

Primeira xornada e espectáculo do bo. No día supostamente máis frouxo, coas probas de Promoción, o nivel foi espectacular, con triatletas internacionais loitando polos seus clubs para acadar o ascenso a Segunda División. Así, dous internacionais Uxío Abuín e Zuriñe Rodrígeuz (olímpica) lograron os triunfos individuais. Na clasificación de clubs, triunfos para dous clubs galegos: Olímpico de Vedra (masculino) e Náutico de Narón (feminino).

Comezou o Campionato de España de Tríatlon por Clubs coa disputa da proba de Promoción, na que estaba en xogo o ascenso a Segunda (5 clubs). Era a proba con maior participación (25 clubes, 8 deles galegos e 149 triatletas inscritos) e con triatletas internacionais na saída coma Uxío Abuín ou Luismi Velásquez.

A proba masculina foi rapidísima dende a natación, con Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo) na primeira posición, pero seguido moi de preto por Uxío Abuín (Olímpico de Vedra), Iñaki Candel (Club Tríatlon 401), Alberto Castiñeira (Tríatlon Arteixo) e un nutrido grupo de triatletas que non querían quedar fóra da loita pola proba tan pronto.

O sector de bicicleta foi decisiva, co altísimo ritmo marcado polos primeiros clasificados, que rompeu a carreira por completo. Á T-2, Uxío Abuín chegou na primeira posicións, cuns segundos de vantaxe sobre Luismi Velásquez e Iñaki Candel.

O tramo de carreira a pe foi unha verdadeira exhibición do deportista do Olímpico de  Vedra que chegou a meta moi destacado e cun tempo de 55:40. A segunda posición foi para outro galego, Alberto Castiñeira (57:14), que remontou neste terceiro segmento facendo un tempo moi bo. A terceira posición foi para Ángel Salamanca (57:52), do Club Tríatlon 401.

Trala suma dos resultados deuse a coñecer os cinco clubs que ascendían a Segunda División, con boas noticias para o tríatlon galego: Olímpico de Vedra (1º) e Tríatlon Arteixo (2º) acadaban o ascenso a Segunda División, xunto a Club Triatlon 401, CEA Bétera e Tríatlon Las Rozas.

WhatsApp Image 2017-06-10 at 19.03.06Na carreira feminina tamén había nomes destacados -coma a olímpica Zuriñe Rodríguez ou a galega Sara Guerrero- e estiveron presentes dende o inicio. O Náutico de Narón foi o absoluto e único dominador da proba. Dende a natación, Zuriñe Rodríguez marcou un ritmo altísimo, que só podían seguir as súas compañeiras en bloque xunto a unha “infiltrada”, a triatleta do Canoe Iratxe Arenal, que era a única capaz de manter ese ritmo.

E así foi o resto da proba: O Náutico de Narón tirou en bloque no ciclismo con continuos relevos e así as distancias ían aumentando. Na chegada a T-2 parecía claro que o triunfo colectivo estaba asegurado (así coma o ascenso) e só faltaba saber quen se proclamaría vencedora individual da proba. E foi Zuriñe, que ía liderando, quen atacou na carreira a pe, para facer o último tramo en solitario e chegar a meta cunha cómoda vantaxe sobre Sara Guerrero (Náutico Narón) e María Guzmán, na terceira posición. O quinto posto foi para Ana María Santiso e sexta Marina Castro, todas do Náutico de Narón, que celebraron ao grande o triunfo colectivo.

Faltaba saber quen acompañaría ao Náutico de Narón no ascenso á Segunda División. Os outros catro equipos foron: Canoe, Tríatlon 401, Águilas Primaflor e Avant Moncada.

O domingo 11 celebraranse as probas de Primeira e Segunda División, tanto masculina coma feminina. Na elite, os clubs galegos tentarán loitar polo triunfo, tal e como xa fixeron o pasado ano en Xixón onde Tríatlon Ferrol feminino e Cidade de Lugo Fluvial masculino lograron o título de campións de España de Tríatlon por Clubs. O Tríatlon Ferrol chega con baixas pero disposto a todo e no Cidade destaca a presenza do deportista pontevedrés Pablo Dapena, que competirá en casa.

 

Axenda do domingo 11 de xuño

9:00 horas:  Saída Segunda División Feminina.

10:30 horas: Saída Segunda División Masculina.

12:00 horas: Saída Primeira División Feminina.

13:30 horas: Saída Primeira División Masculina.

15:00 horas: Cerimonia de entrega de medallas.

 

Quizáis che interese…