MAÑÁ COMEZA O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR CLUBS COAS PROBAS DE PROMOCIÓN E O PONTEALTRI

9 de Xuño de 2017

Comeza o espectáculo. Tralos preparativos, chegou o momento de ver nas augas do Lérez e percorrendo as rúas ás e aos deportistas no Campionato de España de Tríatlon por Clubs (3ª xornada da Liga Nacional de Clubs). O sábado será o momento da proba de Promoción (masculina e feminina) e da proba popular Pontealtri. Neste primeiro día de competición haberá 400 deportistas competindo nas diferentes probas.

A primeira das probas será a de Promoción Masculina (15:30 horas) con 149 triatletas inscritos e 25 clubs. Representando a Galicia estarán Tríatlon Coruña, NoSportLimit, Olímpico de Vedra, Artrogal Tri-498, Tríatlon Arteixo, Tri-Penta Terras de Lugo, Tríatlon Ferrol e Natación Riveira.

A categoría feminina da Promoción comezará ás 17:30 horas con 93 triatletas na inscrición, representando a 16 clubs, dos cales cinco son galegos: Motobike Galaico Pontevedra, Club Ciclista Riazor, Olímpico de Vedra, NoSportLimit e Náutico de Narón. Na categoría de promoción os equipos están formados por seis deportistas e puntúan todos os que cheguen a meta (segundo o posto, reciben un número de puntos e coa suma de todos, se formará a clasificación de clubs).

A proba popular Pontealtri comezará ás 19:30 horas con máis de 150 triatletas inscritos. O percorrido será o mesmo, polo que terán que facer un tríatlon distancia sprint (750 metros de natación, 19 quilómetros de ciclismo e 5 de carreira a pe). A saída, transición e meta estarán instaladas na Avenida de Buenos Aires, polo que os espectadores que se acheguen a seguir o espectáculo, poderán ver en poucos metros os momentos máis destacados (a natación, saída da auga, transición coa bici, transición para a carreira a pe e a chegada a meta).

O domingo 11 celebraranse as probas de Primeira e Segunda División, tanto masculina coma feminina. Na elite, os clubs galegos tentarán loitar polo triunfo, tal e como xa fixeron o pasado ano en Xixón onde Tríatlon Ferrol feminino e Cidade de Lugo Fluvial masculino lograron o título de campións de España de Tríatlon por Clubs.

 

Axenda do sábado 10 de xuño

 10:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 18:00 h.:  Información e entrega de dorsais no Centro de Tecnificación Deportiva.

12:00 Reunión Técnica no Centro de Tecnificación Deportiva

15:30 horas: Saída Promoción Masculina.

17:30 horas: Saída Promoción Feminina.

19:30 horas: Saída Pontealtri

21:00 horas: Cerimonia  de entrega de premios.

 

Quizáis che interese…

Montreal

Montreal

Montreal acolle unha nova cita das Series Mundiais e o Campionato do Mundo Junior de Tríatlon....