TODAS AS INSTITUCIÓNS APOIAN O FESTIVAL MULTIDEPORTE PONTEVEDRA 2019

9 de Xuño de 2017

O ITU MultiSport Festival 2019, que se celebrará en Pontevedra, incluirá a celebración de cinco mundiais ao longo de dez días de deporte e actividades culturais. Hoxe tivo lugar a constitución do Comité Organizador deste gran evento e todas as institucións (Xunta de Galicia, Deputación Provincial e Concello de Pontevedra) manifestaron o seu apoio e compromiso con este Festival Multideporte que moverá a máis de 4.000 deportistas e a unhas 10.000 persoas durante estes dez días.

A constitución do comité organizador foi un pouco accidentada, aínda que moi positiva. Accidentada porque a presidenta da ITU, Marisol Casado, non acudiu finalmente ao ser reclamada a súa presenza en Laussane (para aprobar a incorporación da proba de relevos mixtos ao calendario dos Xogos Olímpicos) e pola súa banda, o presidente da Federación Española, José Hidalgo, chegou con moito retraso por culpa da néboa, que impedía aterrar ao avión no que se desprazaba dende Madrid.

E positiva, porque todas as administracións manifestaron o seu apoio claro e decidido a un evento que vai máis alá da cidade de Pontevedra. Así o manifestaron tanto a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. Ademais, no Comité Organizador tamén estaban o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo; o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Óscar Surís, ademais da concelleira de Deportes de Pontevedra, Anxos Riveiro, e de técnicos dos diferentes organismos.

O presidente da Federación Española recoñeceu que a organización do Festival Multideporte será “o proxecto máis ambicioso e complexo ao que se enfrontou a Federación Española en toda a súa historia”. O máximo representante do tríatlon español tamén destacou que “é un proxecto económico porque haberá milleiros de persoas durmindo e vivindo en Pontevedra durante dez días”.

Precisamente a iso referiuse a presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen asegurou que “a xente que acompaña a este evento é  dun nivel adquisitivo alto tanto no aspecto económico coma cultural, polo que este é precisamente o tipo de turismo ao que aspiramos atraer a Pontevedra”.

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, destacou a grandiosidade do evento “non hai moito máis alto, a non ser os Xogos Olímpicos” e agradeceu á Federación Española que traia para Galicia estes grandes eventos que “nos permitirán amosar a nosa valía organizativa para conseguir que este campionato sexa un referente mundial”.

Pola súa banda o presidente da Galega, Óscar Surís, manifestou que “coa Copa de de Tríatlon de 2008, a relación entre o Concello de Pontevedra e o tríatlon marcou unha época, e con este Festival Multideporte vaise marcar outra. Quedará para sempre na memoria colectiva da cidade de Pontevedra”.

O alcalde de Pontevedra expresou o seu agradecemento tanto a Federación Española coma a Mundial por confiar en nós para a organización de este evento e anunciou que xa hai mascota “un neto deportista de Ravachol -un loro con historia na cidade de Pontevedra, que conta incluso cunha estatua no centro de Pontevedra-”, para o que se lle está a buscar un nome.

 Festival Multideporte. Este Festival Multideporte é unha competición de novo formato da Federación Internacional de Tríatlon, que se estreará este ano na cidade canadense de Penticton, mentres que no 2018 celebrarase en Odense (Dinamarca). Onte anunciouse que aos catro mundiais xa sabidos (campionato do mundo de Tríatlon Cross, de Dúatlon, de Aquatlón e o de Tríatlon de Longa Distancia), hai que sumarlle a disciplina de “aquabike”, na que os participantes terán que facer 3.000 metros de natación e 120 quilómetros de ciclismo.

 

Quizáis che interese…

Acuatlón Castrelo do Miño

Acuatlón Castrelo do Miño

O pasado fin de semana celebrouse a Copa Deputación Ourense de Acuatlón - Acuatlón Castrelo de...