ANTONIO SERRAT E FERNANDO ALARZA, NA SERIE MUNDIAL DE LEEDS

9 de Xuño de 2017

Fernando Alarza (Tri-Penta Terras de Lugo) e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) disputarán o domingo 11 de xuño (16:45 horas, TVG-2) a cuarta proba das Series Mundiais de Tríatlon, que se disputará en Leeds.

Será unha durísima proba para os nosos representantes, nun terreo predisposto para os Brownlee, que competirán xuntos por vez primeira esta tempada cun gran equipo británico disposto a romper a carreira na natación. A incógnita é saber o estado de ambos: Jonathan participou en Yokohama, pero unha picada na bicicleta impediulle facer un bo papel, aínda que as sensacións eran boas. Pola súa parte, Alistair está tempada está a apostar por distancias longas e non participou ata o de agora nas Series Mundiais.

WhatsApp Image 2017-06-09 at 18.432.27Alarza lucirá o dorsal número 1 en Leeds ao non estar na liña de saída Mario Mola, actual líder do Mundial. Tampouco participarán, Javi Gómez Noya (terceiro) ou Richard Murray, pero haberá grandes e duros contrincantes coma os Brownlee, Crisanto Grajales, Vincent Luis, Henri Schoeman…

E ademais, poderemos gozar coa participación de Antonio Serrat na que será a súa cuarta serie mundial. O vigués ten como mellor posto nunha serie o 21 en Estocolmo e foi o español máis novo en lograr puntuar nunha WTS. Serrat tentará volver a puntuar e para iso sería fundamental non perder moito tempo na natación, e evitar así esforzos extra na bicicleta. O terceiro español presente en Leeds será Vicente Hernández.

A proba de Leeds celebrarase sobre a distancia olímpica, de forma que os deportistas deberán facer 1.500 metros de natación no Lago Waterloo, 38,6 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe, para finalizar na Praza Millennium.

Na proba feminina ía participar a española Sara Pérez, pero onte sufriu unha lipotimia polo que non viaxou en dirección a Gran Bretaña.

As Series Mundiais de Tríatlon 2017 están formadas por nove probas que se disputan en Abu Dhabi, Gold Coast (Australia), Yokohama (Xapón), Leeds (Gran Bretaña), Hamburgo (Alemaña), Edmonton (Canadá), Montreal (Canadá), Estocolmo (Suecia), e Rotterdam (Países Baixos). Tralas tres primeiras probas, Alarza é  segundo na clasificación provisional do Mundial con 2.058 puntos, por detrás de Mario Mola (2.064) e por diante de Gómez Noya (1.862).

 

 

Quizáis che interese…