O DOMINGO 11 DE XUÑO CELEBRARASE O AVIAMÁN 2017 CON 150 DEPORTISTAS

8 de Xuño de 2017

O domingo 11 de xuño terá lugar o Aviamán 2017 – Copa Deputación de Ourense de Tríatlon con case 150 deportistas inscritos. Esta é a máis antiga das probas galegas de media distancia e destaca polo duro percorrido de ciclismo e a beleza das paraxes polas que descorre.

A proba, patrocinada pola Deputación de Ourense e organizada por Beariz Tríatlon, celebrarase entre os municipios de Castrelo de Miño, Leiro e Avión, e ten uns percorridos moi exixentes. Os participantes terán que facer 1.200 metros de natación no río Avia, nunha auga bastante fría (a previsión é de 15 grados). O máis duro chegará despois, xa que as e os triatletas deberán realizar 65 quilómetros en bicicleta, nun percorrido con 1.900 metros de desnivel e unha paisaxe especular. E xa por último, 14 quilómetros de carreira a pe, un sector suave que descorrerá principalmente (80%) sobre terra e sempre xunto ao río. A saída está prevista para as 09:00 horas dende a área recreativa Ponte Esperela en Leiro.

Desta forma, na categoría feminina podemos destacar a Silvia Deira (Olímpico de Vedra) –vencedora no 2016-, María Martínez (Atletismo Porriño), Iria Campos (Artrogal-Tri 498) ou Blanca Labandeira (licenza dun día).

Na proba masculina non participará o gañador da edición do pasado ano, Cristóbal Dios, que está a participar esta fin de semana no Campionato de Europa de Media Distancia en Dinamarca. Así, os favoritos para lograr o triunfo son Enrique Morán (Atletismo Porriño), Antón Rodríguez (Monte Penarubia) ou Jacobo Crego (Olímpico de Vedra) entre outros.

Resultados 2016. Cristóbal Dios e Silvia Deira foron os campións do Aviamán 2016, con 130 participantes.

 

 

 

 

Quizáis che interese…

Montreal

Montreal

Montreal acolle unha nova cita das Series Mundiais e o Campionato do Mundo Junior de Tríatlon....