CIDADE DE LUGO FLUVIAL FEMININO E DIABLILLOS DE RIVAS MASCULINO, CAMPIÓNS DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR EQUIPOS

11 de Xuño de 2017

Cidade de Lugo Fluvial feminino e Diablillos de Rivas masculino proclamáronse hoxe en Pontevedra  campións de España de Tríatlon por Clubs. Foi unha xornada moi intensa, con catro probas dende primeira hora, na que os clubs galegos volveron lucir. Ademais do título feminino do Cidade, hai que destacar a prata do Cidade de Lugo e o bronce do Arcade Inforhouse na categoría masculina.

Na categoría feminina o actual campión de España, o Tríatlon Ferrol, chegaba con importantes baixas, pero disposto a loitar por todo sen complexos aínda que só tiña oito deportistas, fronte ás dez coas que contaban a maior parte dos clubs con opcións. E así, Inés Santiago saíu a por todas e foi a máis rápida na auga. Chegou a transición con bastante vantaxe sobre Anneke Jenkins do Cidade de Lugo Fluvial e Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol).  Pero na bicicleta, a neozelandesa do Cidade tomou a cabeza e marcou un ritmo altísimo que só podía seguir Inés, quen finalmente veu como Anneke marchaba en solitario cara a T-2. Na carreira a pe, Cecilia Santamaría (que fixera unha mala natación), logrou ir recuperando pouco a pouco tempo ata alcanzar a Anneke e superala, para chegar a meta en cabeza, aínda que neses últimos metros esperou a súa compañeira de club e entraron na meta da man. A terceira posición foi para Inés Santiago e tamén hai que destacar a sexta posición de Saleta Castro (Cidade), que onte competiu no Tríatlon de Media distancia de Zarautz e hoxe estaba en Pontevedra para axudar ao seu club, nunha distancia que xa no disputa.

En meta, tocaba esperar a chegada de todas as compañeiras de equipo para ver que club se proclamaba campión de España e finalmente foi o Cidade de Lugo Fluvial (1.193 puntos) o que substituíu ao Tríatlon Ferrol no cetro español. Segundo foi o Diablillos de Rivas  (1.166) e o bronce recaeu no Bétera (847), mentres que o Tríatlon Ferrol foi cuarto (831).

Categoría masculina. A Primeira División Masculina foi a última das probas en celebrarse, e tamén co Cidade de Lugo Fluvial, que defendía o título do pasado ano, como protagonista. Foi unha proba moi dura e cun ritmo infernal na bicicleta. O pontevedrés Pablo Dapena, que competía ante o seu público, estivo sempre en postos destacados, para coller a cabeza de carreira á metade do sector do ciclismo. E xa non se apeou desa posición de privilexio en ningún momento. Así, Dapena ocupou a primeira posición por diante de Antonio Benito (tamén do Cidade) ao que esperou nos metros finais. A terceira posición foi para Genis Grau (Prat Triatlo 1994).

Novamente chegou o momento da incerteza, mentres que os xuíces certificaban os resultados e se anunciaba o campión de España. O Cidade clasificara a varios deportistas nos primeiros postos (Dapena, Benito, Cendán e Ricardo Hernández), pero neste campionato puntúan todos e ao final iso foi decisivo para outorgarlle o título ao Diablillos de Rivas de Madrid con 1.236 puntos, mentres que o Cidade de Lugo Fluvial foi segundo (1.1.49). A terceira posición foi para outro conxunto galego, o Arcade Inforhouse, que tamén fixo unha proba moi regular para acadar a medalla de bronce (1-099).

Segunda División. Na Segunda División feminina, o triunfo foi para o Tripuçol, mentres que na segunda posición chegou o Montilla-Córdoba Tríatlon e terceiro foi o Club Europa Tríatlon. Na categoría masculina, venceu o Tríatlon Claverías Móstoles, o Tritrain4you 02-Cabberty subiu ao segundo chanzo do podio, mentres que terceiro foi o Club Tríatlon IMD Segovia.

http://div1triclubes.live.trackingsport.com/online/seguimiento

 

http://div2triclubes.live.trackingsport.com/online/seguimiento

 

2017.FETRI_.Competiciones.Pontevedra.Resultados-Primera-M

2017.FETRI_.Competiciones.Pontevedra.Resultados-Primera-F1

2017.FETRI_.Competiciones.Pontevedra.Resultados-Segunda-M

2017.FETRI_.Competiciones.Pontevedra.Resultados-Segunda-F

 

Quizáis che interese…