O TRÍATLON GALEGO REINA NO TRÍATLON DE ZARAUTZ

11 de Xuño de 2017

A XXXI edición do Tríatlon de Zarautz deparou grandes resultados para o tríatlon galego nunha espléndida posta en escena dos nosos triatletas. Joselyn Brea (triatleta con licenza galega do Tri-Penta Terras de Lugo) reinaba na proba feminina conseguindo a vitoria, xunto a Saleta Castro (Cidade de Lugo Fluvial), que se alzaba coa medalla de bronce e Sonia Pariente (Tríatlon PC Rías Baixas) que foi sexta. Mentres que Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) facíase coa medalla de prata na competición masculina e Iñaki Pena-Manso (Cidade de Lugo Fluvial) foi cuarto, ambos nunha magnífica remontada.

Unha xornada de fortes emocións na que Brea remontou posicións para facerse co triunfo final. Previamente, Helene Alberdi dominaba o sector de natación, seguida por Judith Corachán, Saleta Castro e a propia Brea. No esixente tramo ciclista de 80 km, Corachán ofreceu unha boa exhibición, cunha gran Saleta progresando á segunda praza e Brea ben situada esperando a súa oportunidade.

Chegadas ao sector de carreira a pé, Joselyn Brea sacou as súas armas brindando unha incrible remontada para alzarse co cetro desta mítica proba, asinando un rexistro final de 4:42:02. Por detrás, Corachán terminaba segunda con 4:43:35 e unha loitadora Saleta Castro pechaba o podio en terceira posición, concluíndo a súa participación en 4:47:17. Ademais, hai que destacar a magnífica sexta posición da galega Sonia Pariente (Tríatlon PC Rías Baixas), cun tempo de 5:06:31.

3-hombres-selfieNa competición masculina, Cesc Godoy alcanzaba o liderado desde o primeiro terzo, conseguindo unha notable vantaxe que administraría adecuadamente durante o resto da proba. A natación era máis longa do habitual (2.900 metros), feito que prexudicaba a Gustavo, xa que é o sector no que se atopa menos cómodo. Aquí perdeu sete minutos, que foron decisivos na proba.

Xa entrados no circuíto ciclista, o galego Gustavo Rodríguez (segundo mellor parcial no tramo ciclista) empezaba a axexar ao deportista catalán, tras avanzar posicións para situarse segundo na chegada á T2, con Pello Osoro iniciando o último tramo en terceiro lugar.

Rodríguez ofreceu un formidable despregamento de forzas no percorrido final de carreira a pé, pero Godoy mostrouse intratable e obtiña a vitoria cun tempo final de 4:02:28. Pola súa banda, Gustavo Rodríguez finalizaba nunha destacada segunda praza (4:05:12) despois de dalo todo nunha esixente competición. Un podio que estaría completado por Miguel Ángel Fidalgo (4:14:16). No cuarto posto entraba en meta Iñaki Pena Manso (Cidade de Lugo Fluvial), que fixo unha remontada espectacular e loitou con Fidalgo polo podio. Magnífico traballo de Iñaki.

 

 

Quizáis che interese…

Montreal

Montreal

Montreal acolle unha nova cita das Series Mundiais e o Campionato do Mundo Junior de Tríatlon....