Esteban Basanta e Elsa Pena, campións de España de Tríatlon na categoría cadete

7 de Xullo de 2018

Novamente, impresionante actuación dos cadetes galegos, que están adestrando no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Esteban Basanta (Cidade de Lugo Fluvial) e Elsa Pena (Cidade de Lugo Fluvial) proclamáronse hoxe en Banyoles campións de España de Tríatlon na categoría cadete, pero non estiveron sos no podio. Tamén lograron medalla Jorge González (Natación Riveira) e Carla Guisande (Cidade de Lugo Fluvial), que foron bronce.

Na proba masculina, Jorge González saíu da auga na primeira posición, cuns 13 segundos de vantaxe sobre o segundo. Por detrás, moi ben situados, estaban Jorge Morado e Esteban Basanta. Xuntáronse na bicicleta e fixeron este sector con bastante tranquilidade, o que permitiu que se formara un grupo moi numeroso en cabeza. Así, chegaron á segunda transición uns 50 deportistas, polo que a proba estaba completamente aberta. A saída da T2 foi decisiva. Esteban saíu francamente ben, en cabeza xunto a Miguel Baidal, mentres que Jorge González sufriu un despiste que lle fixo perder uns segundos moi valiosos. Ao final, Basanta chegou en solitario a meta cun tempo de 34:13, por diante de Baidal. A terceira posición foi para Jorge González, que superou no sprint a Alberto Sánchez e Adrián Año (34:34).

As chicas, espectaculares unha vez máis. Henar Cons saíu da auga na primeira posición e por detrás Natalia Castro e Elsa Pena, bastante ben colocadas, mentres que Carla Guisande –que estivo case toda a semana con febre e vómitos – quedou un pouco máis descolgada. Elsa e Henar saíron a correr xuntas, pero Elsa estivo moi forte e xestionando moi ben a vantaxe. Por detrás, Carla foi remontando posicións ata acadar esa medalla de bronce. Ademais, Henar Cons (Motobike Galaico Pontevedra) foi cuarta e Natalia Castro (Motobike), oitava. Por clubs, na categoría feminina, triunfo para o Cidade de Lugo Fluvial e bronce para o Motobike Galaico Pontevedra.

Na categoría júnior, prata para Inés Castaño (Arcade Inforhouse), que fixo unha moi boa remontada na carreira a pe. Nesta proba Iria Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) saiu na segunda posición tras facer a natación, pero na bicicleta quedou descolgada do grupo de cabeza e finalmente rematou na sétima posición. Pola súa banda, Inés comezou o terceiro segmento na quinta posición e logrou ir recuperando tempo ata acadar a medalla de prata 

Clasificatorio Youth. Nerea García Busto (Naútico de Narón) disputou hoxe o clasificatorio europeo para os Xogos da Xuventude de Argentina 2018, pero non tivo sorte. A triatleta sufriu un incidente na área de transición, xa que caeu ao chan tras botárselle xa enriba unha irlandesa. Isto foi decisivo, ao quedar cortada do grupo principal.

 

Quizáis che interese…