FERNANDO ALARZA, BRONCE EN LEEDS E NOVO LÍDER PROVISIONAL DO MUNDIAL

11 de Xuño de 2017

Fernando Alarza (Tri-Penta Terras de Lugo) logrou subirse ao podio en Leeds, onde se disputou a cuarta Serie Mundial de Tríatlon 2017. Tralos resultados de hoxe, Alarza ponse cómo líder provisional do Mundial por diante de Mario Mola. Antonio Serrat, que foi 18º, logrou a súa mellor posición unha serie mundial.

Como se esperaba a natación foi moi rápida, tal e como lle gusta aos irmáns Brownlee, que onte competían ante o seu público, no que parecía unha proba deseñada para eles. E tal e como querían, lograron escaparse trala primeira transición xunto con dous franceses. No segundo grupo, de case vinte deportistas, Alarza tiraba con forza para reducir distancias e así foron capaces de alcanzar aos franceses e parecía que estaban a piques de enlazar cos británicos, pero houbo unha relaxación no grupo e os Brownlee volveron a ampliar a distancia para chegar a segunda transición con máis dun minuto. Por detrás, Antonio Serrat, no terceiro grupo, era o máis activo, tirando con forza.

Na carreira a pe, gran rendemento dos nosos deportistas. Alarza foi o máis rápido e así acadou a medalla de bronce, por detrás de Alistair Brownlee (ouro) e Jonathan Brownlee (prata). Pola súa banda, Antonio Serrat fixo unha moi boa remontada, sendo o mellor do seu grupo e collendo a xente que lle levaba máis dun minuto de vantaxe na T-2. O vigués, co posto 18, logrou a súa mellor posición nunha Serie Mundial.

O terceiro español presente en Leeds Vicente Hernández fixo unha gran proba e logrou entrar no top-10, sendo noveno.

A proba de Leeds celebrouse sobre a distancia olímpica, de forma que os deportistas fixeron 1.500 metros de natación no Lago Waterloo, 38,6 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe, coa meta na Praza Millennium.

As Series Mundiais de Tríatlon 2017 están formadas por nove probas que se disputan en Abu Dhabi, Gold Coast (Australia), Yokohama (Xapón), Leeds (Gran Bretaña), Hamburgo (Alemaña), Edmonton (Canadá), Montreal (Canadá), Estocolmo (Suecia), e Rotterdam (Países Baixos). Tralas catro primeiras probas, Alarza é  líder provisional do Mundial con 2.743 puntos, por diante de Mario Mola (2.064) e de Gómez Noya (1.862).

 

 

Quizáis che interese…